Currículo de Historia da Filosofía de 2 º de Bacharelato LOE (Galiza)

Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. (DIARIO OFICIAL DE GALICIA Nº 120, Luns, 23 de xuño de 2008). Entrou en vigor o curso 2009-2010.

Historia da Filosofia (LOE)

Introducción

A materia de historia da filosofía retoma a reflexión iniciada polo alumnado coa filosofía e cidadanía, dotándoa dun carácter sistemático e diacrónico. A estreita relación entre estas materias do bacharelato debe manifestarse, tanto na organización docente dos contidos como na actividade reflexiva desenvolvida por cada estudante, que deberá retomar os conceptos e procedementos iniciados no curso anterior e afondar neles. O que a historia da filosofía lle achega ao alumnado é unha construción diacrónica dos principais momentos e autores do pensamento filosófico que servirá, por unha banda, como exemplo de solución a problemas filosóficos e, pola outra, como condicionantes pasados de conceptos e problemas vixentes no día de hoxe.

Hai certos problemas constantes ao longo da historia da filosofía, como a relación entre realidade e aparencia, coñecemento e opinión, o individuo e a sociedade, o problema da liberdade e autorrealización humana, a orixe dos valores morais, a lexitimidade do poder político ou o dominio técnico da natureza. A reflexión filosófica segue abordando eses problemas na actualidade baixo formulacións como o papel dos medios de comunicación na sociedade, o estatuto da realidade virtual, a relación entre mente e cerebro, entre ciencia e interese, a confrontación entre felicidade e xustiza, positivismo e iusnaturalismo, multiculturalismo e interculturalismo, liberalismo e comunitarismo, a desigualdade de xénero, a nova organización do traballo, a bioética, etc. A historia da filosofía formúlase como un retorno da presentación actual deses problemas, xa anticipados en filosofía e cidadanía, ás formulacións máis relevantes que adquiriron no pasado e que lles serven de punto de partida. Esta materia faille patente ao alumnado, polo tanto, o carácter aberto e progresivo da investigación filosófica.

Os contidos da historia da filosofía están secuenciados en catro grandes etapas históricas: antiga, medieval e renacentista, moderna e contemporánea. En cada unha delas serán abordados unha serie de autores e correntes especialmente significativas, seleccionando os temas máis importantes na súa obra de cara a ter unha visión completa da historia da filosofía. A temporalización por períodos obedece á necesidade de contextualizar a cada autor e cada tema nun momento histórico determinado, cuns condicionantes sociais, económicos, políticos e culturais que lle dan sentido e serven de medida da súa relevancia. O coñecemento da filosofía vai, pois, da man do coñecemento da sociedade e da historia. As ideas filosoficamente relevantes non son opinións casuais, senón que aparecen para formular claramente e dar algún tipo de solución aos problemas teóricos e prácticos que se lles presentaron a seres humanos concretos.

Esta contextualización por períodos non vai en detrimento da unidade que percorre toda a historia da filosofía, pois ao tempo que cada autor é interlocutor do seu contexto, realiza tamén un diálogo con outros autores pasados e futuros que se enfrontaron a problemas similares e en relación cos cales manifesta a súa débeda ou a súa crítica. A obra escrita dos distintos filósofos cobra unha importancia fundamental, pois é a fonte para coñecer o seu pensamento e tamén para trazar a liña que relacione uns autores con outros. O traballo con textos cobra, polo tanto, unha grande importancia nesta materia.

A importancia dos textos, con todo, non debe desviarnos da finalidade prioritaria, que non é un coñecemento exhaustivo dalgúns autores, senón un percorrido introdutorio e completo que vaia dos gregos ata os nosos días e que sirva ao alumnado, non só para coñecer formas de pensar presentes na historia polo seu valor intrínseco, senón tamén para avaliar a influencia destas na xestación do noso presente e para exercitar a reflexión crítica. A práctica da análise das opinións dos distintos autores en relación co seu contexto e comparándoos uns con outros fornece o alumnado dun sentido crítico que lle permite, non só constatar a historicidade de certas crenzas e valores, senón tamén cuestionar ou fundamentar con criterio as crenzas e valores presentes na actualidade, tanto no seu contorno próximo coma nos medios de comunicación. A historia da filosofía pretende, deste modo, contribuír ao progreso na comprensión da realidade e na orientación da acción individual e colectiva.

A materia preséntase en cinco bloques. O primeiro é de contidos comúns. O segundo, Filosofía antiga, pretende ofrecer unha comprensión global da orixe do pensamento filosófico, así como a súa evolución na antiga Grecia. Prestaráselle unha atención especial a Platón e Aristóteles, xa que achegaron gran cantidade de conceptos e formularon moitos dos problemas que serán retomados no pensamento posterior. O terceiro bloque, Filosofía medieval e renacentista, detense no estudo do encontro entre a herdanza da filosofía grega e a nova doutrina achegada polo cristianismo, así como dos problemas derivados da necesidade de harmonizalas. Séguese coas achegas do período renacentista, que serven de transición á filosofía moderna: o xurdimento da ciencia tal como é entendida hoxe e a reflexión política centrada no Estado como realidade emerxente. O cuarto bloque, Filosofía moderna, toma como tema central deste período o novo concepto de racionalidade que xorde nos séculos XVI e XVII, enfocado na figura do suxeito de coñecemento e de acción autónoma. As correntes filosóficas do racionalismo e do empirismo son tratadas en contraposición, analizando as súas propostas epistemolóxicas e de fundamentación da moral e da convivencia. Finalmente, a figura de Kant como síntese e cumio da filosofía moderna nas súas pretensións teóricas e prácticas. Como quinto bloque, Filosofía contemporánea, trátanse nun principio as propostas dos dous grandes pensadores do século XIX, que fan unha crítica, desde perspectivas diferentes, das achegas do pensamento moderno, para seguidamente achegar unha visión panorámica das correntes do século XX e das súas propostas e intentos de solución para os problemas do presente. Finalmente, realízase unha mención á filosofía realizada en España neste período.

Obxectivos

  • O ensino da historia da filosofía no bacharelato ten como finalidade o desenvolvemento das seguintes capacidades no alumnado:
  • 1. Coñecer os períodos da historia da filosofía e os seus representantes fundamentais.
    2. Recoñecer as cuestións que ocuparon permanentemente a filosofía ao longo da súa historia e relacionalas con temas traballados en filosofía e cidadanía, utilizando con propiedade os conceptos adquiridos.
    3. Comprender a vinculación entre o pensamento dos distintos autores e outras manifestacións da actividade humana do seu contexto histórico: socioeconómicas, políticas, científicas e artísticas.
    4. Elaborar exposicións orais e composicións escritas acerca de temas determinados con claridade, corrección, plenitude e autonomía, exercitando na medida do posible unha reflexión persoal.
    5. Comentar textos filosóficos analizando con rigor os seus conceptos e teses e comparándoos coa postura defendida noutros textos de diferente autoría acerca dos mesmos temas.
    6. Desenvolver o hábito de ponderar con criterio opinións contrapostas a partir do contraste entre teorías e correntes filosóficas que se sucederon na historia.
    7. Constatar a posición de cada representante dunha corrente filosófica sobre a diferenza de xénero e valorala á luz das crenzas e prácticas do seu contexto histórico.
    8. Debater temas de actualidade en relación cos contidos da materia, fundamentando racionalmente a propia postura, recoñecendo as achegas doutras persoas e illando os prexuízos infundados.
    9. Valorar o coñecemento do pasado como unha achega continua de elementos que contribúen á comprensión do presente e á planificación do porvir.
    10. Apreciar a lectura como medio de enriquecemento persoal e desenvolver un hábito inquisitivo e analítico en relación coa información recibida na vida cotiá.

Contidos

Contidos comúns

- Busca de información a partir de fontes diversas e integración desta seguindo criterios temáticos ou metodolóxicos.
- Análise e comentario de textos filosóficos, identificando as súas ideas e relacionándoas coa teoría da persoa autora.
- Presenza das autoras e autores nas diferentes eta-pas.
- Exposicións orais e composicións escritas acerca do pensamento de distintas autorías, utilizando con propiedade o vocabulario técnico adquirido e incorporando as propias reflexións de xeito fundamentado.
- Participación en debates, expoñendo razoadamente o pensamento propio.

I . Filosofia antiga

- As orixes da filosofía.
* O paso do mito ao logos.
* Os primeiros intentos de explicación racional: os presocráticos.
- Sócrates e Platón.
* A ilustración ateniense: os sofistas e Sócrates.
* Realidade e coñecemento desde a teoría das ideas.
* O ser humano e a sociedade.
- Aristóteles.
* A teoría da natureza.
* A ética e a política.
- Período helenístico e as escolas helenísticas.

II . Filosofia medieval e renacentista

- O contacto entre filosofía e relixión cristiá: Santo Agostiño de Hipona e San Tomé de Aquino.
* A relación entre razón e fe.
* A lei natural.
- O Humanismo e o renacemento como tránsito á modernidade.
* A revolución científica.
* A xénese do Estado moderno.

III . Filosofia moderna

- O racionalismo e o empirismo: Descartes, Locke e Hume.
* Descartes: a evidencia do eu como criterio de certeza e punto de partida dun sistema dedutivo do saber.
* A teoría do coñecemento empirista fronte ao racionalismo: o fenomenismo e a crítica da idea de causa en Hume.
* Locke e a teoría do contrato social.
- A ilustración: o idealismo transcendental de Kant.
* A crítica da razón como síntese de racionalismo e empirismo.
* O formalismo moral.

IV . A filosofia contemporánea

- Marx: a crítica do capitalismo.
* Crítica ao idealismo e materialismo anterior: o concepto de alienación.
* O materialismo histórico.
- Nietzsche: a crise da razón ilustrada.
* A crítica dos valores da cultura occidental: o nihilismo.
* A vontade de poder e o superhome.
- A filosofía analítica e outras correntes filosóficas do século XX.
- A filosofía en España.
- O pensamento galego.

Criterios de avaliación.

1. Ordenar e situar cronoloxicamente os períodos, problemas, autoras e autores que se estudan, identificando as súas características distintivas e establecendo as relacións correspondentes.
Con este criterio pretende avaliarse a capacidade do alumnado para situar historicamente os temas estudados, diferenciando de modo significativo cada período e constatando a influencia duns noutros para ter unha visión completa e unitaria da historia da filosofía e poder desenvolverse axilmente nas problemáticas que a percorren.
2. Relacionar os problemas filosóficos estudados coas principais condicións socioculturais en que aparecen e a que pretenderon dar resposta.
Este criterio pretende comprobar a capacidade do alumnado para situar as cuestións filosóficas estudadas no seu marco histórico distinguindo o saber filosófico doutras manifestacións culturais que aparecen no mesmo contexto e analizando a relación existente entre as formulacións filosóficas e os problemas e necesidades da sociedade do seu tempo.
3. Expoñer por escrito os aspectos dunha teoría filosófica individual, dunha escola ou período de forma completa, clara e coherente.
Este criterio pretende comprobar o grao de comprensión, de modo significativo, do pensamento dun autor ou período da historia da filosofía, e a capacidade de articular os seus conceptos de forma argumentada, unitaria e non fragmentaria.
4. Analizar textos filosóficos identificando a súa estrutura, teses e argumentos e mais explicando os seus conceptos no marco do pensamento correspondente.
Este criterio trata de avaliar a capacidade de comprensión dos textos filosóficos mediante a identificación do problema que abordan, a explicitación das súas ideas, a explicación dos conceptos e termos específicos utilizados e os argumentos que se empregan para demostrar e xustificar as súas teses.
5. Comentar criticamente textos filosóficos, identificando os seus supostos implícitos, a consistencia dos seus argumentos e a vixencia das súas achegas na actualidade.
Máis alá da comprensión precisa dun texto, este criterio trata de valorar o desenvolvemento do espírito crítico do alumnado, amosado na capacidade de desvelar os supostos e intereses subxacentes aos textos, comparalos con outros argumentos posibles –nomeadamente con outros de diferente autoría- e manifestar de forma razoada o seu acordo ou desacordo coas opinións do autor, especialmente no referido a aquelas conceptualizacións de carácter excluínte e discriminatorio, en especial ao androcentrismo.
6. Elaborar pequenos traballos (buscas de información, recensións de lecturas, exposicións orais ou composicións escritas) sobre algún autor ou autora ou algún aspecto transversal a varios autores ou autoras con pautas metodolóxicas establecidas.
Trátase con este criterio de avaliar a capacidade de esforzo do alumnado, así como o seu progreso na autoorganización da aprendizaxe, formulando pequenas metas de investigación e percorrendo o camiño para acadalas seguindo pautas establecidas de antemán. Tamén se avalía con este criterio a capacidade de integrar información diversa nunha síntese reflexiva.
7. Participar en debates sobre algún tema filosófico de actualidade relacionado con contidos da materia, realizando escoita activa e exposición razoada e respectuosa.
Con este criterio trátase de avaliar a capacidade do alumnado para asimilar os contidos da materia e relacionalos con problemas de actualidade, de expoñer a súa opinión razoadamente e respectar outras opinións facendo as eventuais críticas a estas de modo fundamentado.
8. Utilizar comprensivamente un vocabulario técnico específico en todas as actividades realizadas.
Con este criterio búscase avaliar o grao de incorporación significativa do vocabulario filosófico introducido en cada período, autoras e autores, e comprobar o nivel de pertinencia, exactitude e rigor no seu uso, tanto oral coma escrito.

Orientacións metodolóxicas

As orientacións metodolóxicas propostas apuntan á potenciación e consolidación de certas competencias promovidas xa en etapas educativas anteriores. De acordo con este criterio, as metodoloxías concretas empregadas polos profesores nesta materia deberán orientarse a:

- Espertar a curiosidade e interese do alumnado polos problemas suscitados noutras etapas históricas mediante a planificación de contextos e estratexias de aprendizaxe que o acheguen ao seu contexto vivencial, establecendo similitudes con problemas actuais.
- Propiciar a autonomía na busca e procesamento da información pertinente para os temas tratados.
- Promover a lectura e análise de textos filosóficos e a elaboración de comentarios sobre eles que inclúan reflexións críticas argumentadas.
- Propoñer a planificación e elaboración, por parte das alumnas e dos alumnos, de composicións escritas e de exposicións orais en relación cos temas tratados onde integren información procedente de distintas fontes.
- Propiciar o traballo en grupo para desenvolver investigacións, debates e outras tarefas en colaboración.
- Formular as diversas actividades con diferente grao de complexidade en función dos recursos cognitivos necesarios para realizalas, coa dobre finalidade de atender á diversidade dentro da aula e permitir unha autoavaliación axeitada e unha motivación progresiva cara a niveis de maior complexidade.