Currículo de Filosofía e Cidadanía de 1º de Bacharelato LOE (Galiza)

A seguir presentamos o currículo en Galiza da materia común "Filosofía e Cidadanía" correspondente ao primeiro curso do Bacharelato LOE (Lei Orgánica de Educación), que entrou en vigor o curso 2008-2009.


Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.DIARIO OFICIAL DE GALICIA Nº 120 (Luns, 23 de xuño de 2008).

Filosofia e Cidadanía

Introducción

A materia de filosofía e cidadanía configúrase a partir dunha dobre motivación: por unha parte, pretende ser unha introdución á filosofía e ao estilo de reflexión que esta comporta; por outra, proponse culminar a educación para a cidadanía que se desenvolveu ao longo da ensinanza secundaria obrigatoria.

Pero a conxunción deste dobre propósito non debe ser interpretada como unha incoherencia ou perigo de escisión dentro dos contidos desta materia, senón máis ben ao contrario, pois o afondamento na dimensión ética do concepto de cidadanía e a necesidade de clarificar as súas bases e proxeccións filosóficas remítennos dun xeito natural á clarificación do concepto mesmo de filosofía e das súas funcións e problemas básicos.

Agora ben, esta clarificación do papel e funcións da filosofía remite, pola súa vez, a unha certa investigación antropolóxica previa, desde a cal -e a partir da cal- se comprende a necesidade humana de filosofar.

É, pois, esta análise que discorre retrospectivamente desde o concepto de cidadanía ata o centro mesmo da filosofía e a antropoloxía a que tenta dar unidade e coherencia ao currículo desta materia. A ordenación lineal con que se presenta a secuencia destes contidos -desde o núcleo temático segundo ata o final- responde a este enfoque con independencia de que o tratamento e distribución didáctica nas aulas se leve a cabo por esta orde ou non.

Respecto aos contidos comúns propostos no primeiro núcleo temático, é evidente que teñen un carácter transversal a todo o currículo, dada a súa natureza procedemental. A súa finalidade é o desenvolvemento de destrezas intelectuais básicas, ineludibles en calquera caso para a práctica da reflexión filosófica. Deberán marcar e impregnar, polo tanto, a organización da práctica docente do conxunto do currículo.

Finalmente, cómpre subliñar desde outro ángulo distinto o dobre carácter, terminal e propedéutico ou de iniciación, desta materia. Terminal porque culmina o proceso de educación para a cidadanía. Propedéutico porque achega por primeira vez un catálogo de problemas filosóficos básicos nos que se afondará; e esta iniciación deberá preparar para un posterior desenvolvemento en maior amplitude e profundidade -e en perspectiva diacrónica- destas e doutras problemáticas filosóficas, tal como se propón na materia de historia da filosofía do curso seguinte. O equilibrio entre estas dúas finalidades deberá ser preservado nos desenvolvementos didácticos concretos que se fagan nas aulas.

Obxectivos.

  • 1. Coñecer e identificar as características específicas do ser humano e as dimensións que o configuran, analizando a súa xénese evolutiva e as tensións que xeran: dialéctica natureza/cultura e individuo/ sociedade.
  • 2. Comprender e analizar a forma específica de categorización e relación lingüístico-simbólica que os suxeitos humanos establecen co mundo e cos semellantes.
  • 3. Analizar e comprender os elementos e procedementos propios da racionalidade e caracterizar a especificidade do saber filosófico contrastándoo con outros saberes -en especial co científico.
  • 4. Distinguir a dobre dimensión teórica e práctica da filosofía, e comprender as grandes preguntas e problemas filosóficos xerados a partir desta dobre dimensión.
  • 5. Analizar e comprender os fundamentos da acción moral, valorando a autonomía moral como meta ineludible dunha conduta madura e responsable.
  • 6. Coñecer, analizar e valorar os enfoques das teorías éticas fronte á dobre aspiración de felicidade e xustiza na sociedade actual, facendo especial énfase nos esforzos de conciliación de ambas as aspiracións.
  • 7. Comprender as conexións entre moral, dereito e política, partindo da análise do concepto de cidadanía
    e da súa xénese histórica.
  • 8. Comprender e valorar as raíces éticas da lexitimidade política democrática e, en consecuencia, das institucións do Estado que sobre elas se levanten.
  • 9. Analizar os novos retos da democracia no mundo globalizado actual.
  • 10. Obter información por diversos medios sobre problemas filosóficos, analizándoa e integrándoa, así como adquirir unha bagaxe básica de nocións, conceptos e teorías elaboradas pola filosofía verbo dos
    citados problemas.
  • 11. Dialogar, debater e argumentar con rigor lóxico e coherencia, respectando as persoas que sosteñen
    posturas diferentes.
  • 12. Analizar textos referidos ás temáticas desenvoltas no currículo, así como elaborar composicións e traballos escritos sobre elas.
  • 13. Manter un diálogo continuo coa vida real, mediante a aplicación das nocións e conceptos que se van adquirindo ao contorno.
  • 14. Empregar con rigor e propiedade os conceptos e vocabulario específico correspondente, tanto na análise dos problemas como nos debates e exposicións orais e escritas.
  • 15. Desenvolver competencia lectora e hábitos de traballo intelectual.
  • 16. Desenvolver unha competencia social e cidadá baseada nunha actitude crítica, autónoma e responsable ante todo intento de xustificación de desigualdades sociais e ante toda discriminación por sexo, etnia, cultura, crenzas ou características individuais e sociais.

Contidos

Contidos comúns.

  • – Tratamento e análise crítica da información pertinente para os problemas tratados, que se obterá por diferentes medios, incluídas as novas tecnoloxías da información e da comunicación.
  • – Análises e comentarios de textos filosóficos, así como outros de tipo científico, literario, xurídico, político, sociolóxico, artístico, etc. que permitan comprender e afondar nos problemas tratados.
  • – Práctica da reflexión, debate e argumentación dialóxica rigorosa e coherente, empregando os esquemas e procedementos achegados pola lóxica e a teoría da argumentación, mantendo actitudes respectuosas coas persoas discrepantes.
  • – Exercicios de transferencia das nocións adquiridas a situacións do contorno e á vida real.
  • – Uso dun vocabulario técnico e filosófico axeitado de carácter básico, tanto nas análises de textos coma nos debates e exposicións orais e escritas.

O ser humano: configuración e dimensións.

  • – O dobre proceso de evolución biolóxica e cultural: hominización e humanización.
  • – A dialéctica entre natureza e cultura e as diferentes concepcións do ser humano a que dá lugar.
  • – A dimensión social da persoa e a dialéctica entre persoa individual e sociedade.
  • – A relación lingüística e simbólica do suxeito co contorno: categorización do mundo e comunicación social.

O saber filosófico: sentido e finalidade.

  • – A racionalidade: elementos e procedementos que a definen (conceptualización, inferencia, argumentación, coherencia, etc.), fronte a outras modalidades de coñecemento (crenzas, mitos, tradicións, etc.).
  • – A racionalidade científica e a súa demarcación.
  • – A dimensión teórica da racionalidade filosófica: a busca da verdade e o sentido da realidade a través da gnoseoloxía e a metafísica.
  • – A dimensión práctica da racionalidade filosófica: a busca de directrices para a acción a través da ética e a filosofía política.
  • – Preguntas e problemas fundamentais da filosofía.

Da filosofía moral á filosofía política.

  • – Os fundamentos da acción moral: liberdade e responsabilidade.
  • – O tránsito da heteronomía á autonomía moral.
  • – As teorías éticas ante os retos da sociedade actual: felicidade e xustiza.
  • – A idea de cidadanía: xénese histórica e fundamentación filosófica.

Estado, cidadanía e democracia.

  • – O Estado: orixe e lexitimidade do poder político.
  • – Os dereitos humanos e a súa positivización constitucional por parte do Estado.
  • – Fundamentos filosóficos do estado democrático e de dereito: a lexitimidade legal-democrática.
  • – Os retos da democracia no mundo globalizado e intercomunicado actual: diversidade e identidade, cara a unha cidadanía cosmopolita.
  • – Principio de igualdade e a súa realización efectiva.

 

Criterios de avaliación.

Os criterios que se establecen a continuación están orientados a comprobar o grao de consecución, por parte do alumnado, dos obxectivos –conceptuais e procedementais- prescritos no currículo. Estes criterios concrétanse metodoloxicamente no desenvolvemento de seis tipos de acción diferentes desde as que se deberá observar o grao de consecución dos citados obxectivos. Agora ben, tanto o proceso de aprendizaxe como as accións nas que este se pon de manifesto, son sempre complexas; de aí que cada criterio deba ser tomado como un complemento dos outros, como unha perspectiva desde a que completar todo o proceso de avaliación da aprendizaxe.

  • 1. Recoller e integrar información a través dos diversos medios acerca dos problemas, conceptos e teorías específicos propostos para cada bloque temático.
    Con este criterio preténdese comprobar a capacidade para incorporar, procesar e integrar a información, así como avaliar o grao de autonomía que se vai adquirindo ao longo do proceso de aprendizaxe.
  • 2. Caracterizar, identificar e expoñer, tanto de forma oral como escrita, os problemas, conceptos e teorías propostos e desenvoltos en cada un dos bloques temáticos específicos.
    Con este criterio trátase de comprobar o nivel de comprensión dos problemas e teorías analizadas e o grao de coñecemento, asimilación e dominio das nocións e conceptos adquiridos sobre eles.
  • 3. Ler, analizar e comentar, tanto oralmente como por escrito, textos referidos ás nocións e problemas abordados.
    Trátase de verificar con este criterio a capacidade para identificar nas fontes e formulacións orixinais os problemas e nocións adquiridos en diferentes momentos do proceso de aprendizaxe, así como avaliar o grao de competencia lectora e doutras destrezas intelectuais básicas como a capacidade de análise (ideas principais/secundarias, supostos/conclusións), síntese (esquemas, mapas conceptuais), estruturación e distribución do discurso, etc.
  • 4. Debater e argumentar acerca das cuestións máis problemáticas e controvertibles suscitadas por certos temas, fundamentalmente os éticos e políticos.
    Con este criterio poderase avaliar a capacidade para facer avances nos procesos de axuste, precisión e flexibilización dos conceptos ao longo do proceso discursivo, así como avaliar o grao de destreza e coherencia argumentativa mantendo o respecto ás diferentes opinións.
  • 5. Utilizar un vocabulario técnico específico tanto nas argumentacións como nas exposicións orais e escritas.
    Este criterio permite avaliar o grao de incorporación significativa do vocabulario técnico introducido e comprobar o nivel de precisión, exactitude e rigor no seu uso tanto oral como escrito.
  • 6. Transferir e aplicar as nocións, conceptos e teorías incorporadas á análise da vida real e do propio contorno.
    Poderase comprobar con este criterio o grao de funcionalidade e significatividade dos conceptos e teorías adquiridas así como o nivel de conciencia asumido acerca da utilidade dos saberes académicos.

Orientacións metodolóxicas.

– Potenciar unha autonomía progresiva, por parte das alumnas e dos alumnos, na obtención, análise e procesamento da información referida ás cuestións e problemas propostos.

– Promover o diálogo e o debate horizontal entre iguais como un medio para desenvolver estratexias de conceptualización, comunicación e empatía intelectual e emocional.

– Manter un modelo de aprendizaxe funcional no cal as nocións que se van adquirido sexan aplicadas á vida real ou virtual.

– Promover a lectura e análise de textos, así como a composición de textos propios e exposicións orais e escritas.

– Normalizar o uso de vocabulario técnico específico e exixir uns niveis de rigor lóxico e de coherencia argumentativa tanto nas producións orais coma nas escritas.

– Ofrecerlles ás alumnas e aos alumnos instrumentos e estratexias de autoanálise e autoavaliación para detectar os avances e carencias no proceso de aprendizaxe.